martes, 31 de marzo de 2015

9R segue dando guerra

Aos seus 14 anos, e pese ao que pareza na fotografía, 9R négase a estirar a pata...


Un ano mais, o noso amigo e a súa parella andan estes días atareados na crianza dunha nova xeración de corvos mariños oleirense-asturianos. Sorte.

domingo, 29 de marzo de 2015

Visitantes invernais

Agora que está recén inaugurada a primavera e comezamos a deixar atrás os rigores do inverno, pode ser un bo momento para reactivar o blog cun pequeno resumo fotográfico dalgunhas das visitas emplumadas que tivemos polo concello de Oleiros durante este inverno procedentes do frío norte.

Un dos protagonistas foi este precioso mergo cristado (Serreta mediana, Mergus serrator) que pasou un par de semanas de decembro na praia de Santa Cruz, con algunha excursión a Santa Cristina.

Mergo cristado en Santa Cruz o 7/12/2014
Tamén no mes de decembro acompañounos durante unhas semanas, xa ata entrado xaneiro, esta igualmente espectacular xovenciña mobella pequena (Colimbo chico, Gavia stellata), relativamente sinxela de observar todos os invernos en Santa Cristina.



Mergo pequeno en Santa Cristina o 20/12/2014
A Santa Cristina chegaron tamén no Nadal, e procedentes da lonxana Siberia, doce gansos de cara negra (Barnacla carinegra, Branta bernicla) reducidos mais tarde a seis. Un precioso e fotoxénico bando.



Gansos de cara negra en Santa Cristina o 5/01/2015
Estas tres foron as observacións mais destacadas dun inverno tranquilo e modesto en canto á presenza de invernantes. Na lagoa de Mera unicamente acompañaron aos alavancos e galiñolas habituais unha cerceta (que xa leva varios meses) e dous mergullóns pequenos.

Macho de cerceta (Anas crecca) na lagoa de Mera.
Mergullón pequeno (Zampullín chico, Tachybaptus ruficollis) na lagoa de Mera
Sí que foi en cambio un bo ano en toda Galicia para a observación de gaivotas raras, tanto as blancas procedentes do gran Norte como gaivotas cáspicas Larus cachinnans. Unha destas foi este precioso exemplar que atopei o 5 de xaneiro en Santa Cruz. Bo regalo de reis.


Gaivota cáspica en Santa Cruz o 5/01/2015
Inverno tranquilo pero entretido, con visitas nada mais e nada menos que dende o Atlántico Norte, Siberia ou Europa oriental. E no que ademais fixen un novo amigo: este simpático chasco que durante as miñas longas horas sentado nunha pedra de Punta Herminia contando corvos mariños, non se separou de min mais de 5 metros, estudándome incluso mais atentamente do que eu o facía co mar a través dos meus prismáticos.

Chascus curiosus. Chasco, Saxicola rubicola