viernes, 4 de diciembre de 2015

Negro aniversario

Onte foi 3 de decembro, e polo tanto o 23º aniversario do naufraxio e posterior marea negra doAegean Sea na ría d'a Coruña.

Ao mencer do 3 de decembro de 1992 o petroleiro de bandeira grega Aegean Sea trataba de entrar no porto da Coruña no medio dun forte temporal, con 79.000 toneladas de petróleo Brent Bend. A dificultade da manobra e un golpe de mar fixéronno encallar nos baixos das Xacentes, para rematar nos cantís da Torre de Hércules provocando un gran incendio e vertendo ao mar a maior parte do seu contido, preto de 70.000 toneladas de crú.



Lembro perfectamente esa mañá, cando camiño do instituto (co nome do gran Neira Vilas, recentemente falecido) atopeime coa xigantesca nube de fume negro que non facía presaxiar nada bó. Obviamente cambiei de rumbo e non fun a clase, dirixíndome á por aquel entonces Casa da Xuventude do concello e sede do Colectivo Ecoloxista e Naturalista Biotopo para axudar no que fose posible.

O impacto da marea negra non acadou as dimensións do caso do Prestige, pero tamén foi dunha gran magnitude: afectou a 300 km de costa dende as illas Sisargas ata a ría de Ferrol, cubrindo totalmente de negro as rías da Coruña, Ares e Betanzos.

Alcance da mancha de petrólo do Aegean Sea.
Está documentado o enorme impacto da marea negra sobre o sector pesqueiro: seis anos despois, as descargas da pesca de baixura no porto da Coruña seguían a ser un terzo das rexistradas nos anos anteriores ao naufraxio, e considérase tamén que a efectos toxicolóxicos, o efecto foi maior que no caso do Prestige, debido ao tipo de petróleo derramado.



Aínda así, e aínda que non parecen existir estudos específicos ao respecto, o seu impacto sobre as aves mariñas foi moi inferior ao relacionado co Prestige, debido á menor superficie afectada, maior proximidade á costa do vertido e a zona e época na que se produciu. Non existen estimas das aves afectadas, sendo o único dato que coñezo o das 65 aves ingresadas no Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe de Santa Cruz (no caso do Prestige recolléronse 23.181 aves, estimándose unha mortandade de 116.000-240.000 aves).

Aínda así, non debemos pasar por alto o feito de que a marea negra do Aegean Sea foi probablemente a causa principal do forte declive e posterior desaparición da colonia de gaivota tridáctila das Illas Sisargas: tras alcanzar as illas o 10 de decembro e permanecer os seus efectos no ecosistema mariño durante os seguintes meses, o tamaño da poboación reprodutora descendeu dende as 150 pp ata unicamente 2 pp no ano 1993 (Munilla e Velando, 2008).

Nada sae gratis. E a pregunta é: estamos en mellores condicións para evitar catástrofes deste tipo?

Deixovos un pequeno documento histórico: un capítulo do programa "24 Horas" de Canal plus emitido en 1992 sobre esta marea negra. É de interese todo el, pero se non tedes tempo de velo enteiro, recoméndovos os tramos a partires dos minutos 2:30, 17:00 e 28:30, nos que se fala do impacto ambiental e sobre as aves, coa participación do marabilloso Mito Fernández-Obanza e outros membros do CEN Biotopo.


A ver se sodes capaces de adiviñar quen é o imberbe que aparece no minuto 17:25... (pista: con bastante mais pelo e bastantes menos kilos que na actualidade...)