miércoles, 1 de julio de 2015

Visita ás illas da Mariña

Durante esta primavera lanceime a realizar un censo da poboación reprodutora de corvo mariño cristado na costa da provincia de Lugo, coa idea de actualizar os datos do último censo da especie, xa de 2006-2007.

Ao longo de varios días entre abril e xuño percorrín, a golpe de "pateada", practicamente toda a costa da provincia entre Ribadeo e O Vicedo. Pero estos percorridos costeiros non eran suficientes, xa que as a priori principais colonias da especie neste tramo sitúanse nas illas de Ansarón e Os Farallóns.

Así que tocaba navegar. Unha estupenda mañá de mediados de maio embarcamos cara Ansarón. E digo embarcamos porque tiven o privilexio de que me acompañasen dous enormes coñecedores destas illas e das aves de Galicia, Jorge Mouriño e Xan R. Silvar. Mellor guía e acompañamento imposible para un primeirizo coma min nestas illas. Cunhas semanas de retraso, preséntovos esta pequena crónica da visita:
 
Ansarón.
Ansarón é unha illa situada moi preto da costa de Xove, cun espectacular perfil de pronunciada pendente ascendente e coronada por un promontorio dende o que caen abruptos cantís de mais de 80 metros na súa cara norte.

Alberga unha importante colonia de gaivota patiamarela e corvo mariño cristado, xunto con outras interesantes especies das que falaremos mais adiante. Posúe abondosas e profundas enseadas ao longo de todo o seu perímetro, aproveitadas polos corvos mariños para instalar os seus niños.

Censar colonias de aves mariñas, unha actividade segura e confortable...
Durante o mes de maio a colonia de gaivota patiamarela está en pleno esplendor, aínda sen apenas polos en Ansarón pero con centos de niños espallados por toda a illa.

Patis vixiantes everywhere e niño. Coidado, non pisar!
As principais concentracións de corvo mariño cristado localízanse nas paredes Norte e Oeste, en localizacións realmente espectaculares:

A parede Norte é especialmente vertical e abraiante, e alberga ademais unha das principais colonias galegas de andoriñón Apus melba:

Parede Norte de Ansarón e Jorge e Xan observándoa.
É coñecida a elevada asincronía reprodutora do corvo mariño cristado, puidendo atopar na mesma data niños con polos de poucos días, de varias semanas ou outros xa a piques de abandoar o niño:


Pero non solo de gaivotas patiamarelas e corvos mariños vive Ansarón... unhas das estrelas principais son a parella de gaivotóns Larus marinus nidificantes na illa. É un auténtico espectáculo poder asistir en tempo real nunha colonia galega á reproducción desta recente colonizadora das nosas costas:
A orgullosa parella...
...e o seu retoño. Un novo gaivotón galego.
Realmente espectaculares estas enormes gaivotas en época de cría.


As outras estrelas de Ansarón son outra parella dunha especie pouco común como reprodutora en Galicia e que ten o seu principal bastión tamén na Mariña lucense. Neste caso non é unha nova colonizadora, senón unha especie ameazada que mantén como pode as súas últimas parellas reprodutoras nas nosas costas: a gabita Haematopus ostralegus.

Parella reprodutora de Gabitas en Ansarón.
Finalmente o censo de corvo mariño deu en Ansarón un número de parellas similar ao do censo de 2006-07, pero significativamente menor ao existente a principios da década, en triste e preocupante consonancia coa evolución da especie nestes últimos anos nas nosas costas. Observamos ademais interesantes cambios na seleccion do hábitat de nidificación, sospeitando incluso do trasvase de poboación reprodutora entre esta e outras colonias próximas. Agardo que os resultados poidan ser publicados debidamente en canto sexa posible, e neste blog seredes dos primeiros en sabelo.

Contando niños.
Vai sendo hora de deixar Ansarón, unha illa realmente espectacular (non me cansarei de repetilo).


A seguinte parada, Os Farallóns de Cervo, non sen antes botar unha última visual aos cantís de Ansarón dende o mar:


Lamentablemente, pola tarde a mar estaba moito mais picada e perigosa para achegarse ás illas, polo que foi imposible desembarcar nos Farallóns e censalos correctamente...

Os Farallóns dende Ansarón. Á dereita, Punta Morás.
Limitámonos a observalas dende a embarcación, confirmando varios niños de corvo mariño e disfrutando coa observación de novos gaivotóns e gabitas presentes nestas illas.

O Pé.
Corvos mariños no Pé.
Os polos dos niños mais tempraneiros xa abandoaron o niño a mediados de maio, concentrándose nas "guarderías" nas que os adultos seguirán alimentádoos durante un tempo.
Gaivotón nos Farallóns.
 Agradecementos: a Jorge e Xan pola súa compaña e sabedoría, e a Xan polas fotos, algunhas das cales acompañan esta entrada.

No hay comentarios:

Publicar un comentario