domingo, 12 de octubre de 2014

Seixo Branco... mar o montaña?

Nos últimos tempos estou visitando con bastante frecuencia áreas montañosas de Lubián na provincia de Zamora, no mesmo límite con Ourense.

Nunha destas visitas atopei esta curiosa formación xeolóxica:

Un Seixo Branco ourensán-zamorano
O filón esténdese pola superficie durante mais dun kilómetro (podedes ver na fotografía que continúa na ladeira do fondo). Pode que vos lembre a outro lugar moi visitado por este blog... Revisando a toponimia reflectida na cartografía do Instituto Geográfico Nacional, o círculo rematou de pecharse:

Un Seixo Branco ourensán-zamorano
Certamente, seguro que moitos dos lectores de Ubarroi coñecedes ben este outro Seixo Branco:

Do mar á montaña. O Seixo Branco deslizándose cara o mar.
Dos bravos cantís marítimos do extremo noroccidental da Coruña á dura montaña suroriental, a cabalo entre Ourense e Zamora. Difícil atopar mais diferencias... mais ambos espazos amósanse unidos pola toponimia e a xeoloxía a través dunha diagonal de case 200 km que cruza Galicia de punta a punta, nun curioso irmandamento.


Tan semellantes e tan distintos... nun Seixo Branco a raíña indiscutible é a maxestuosa aguia real...

Aguia real sobrevoando o Seixo Branco.
... mentres no outro o gobernante dos cantís non sobrevoa o Seixo, senón que o esquiva discretamente rozando as ondas do mar.

Corvo mariño dobrando o Seixo Branco.
En ambos espazos a comunidade de aves é a típica de áreas de matogueira e espazos abertos, con algúns representantes senlleira e que compiten en vistosidade...

As ruidosas choias costeiras...
E o discreto merlo rubio dos cumios.
Para rematar da maneira mais abraiante con esta conexión, fixádevos no mapa do Seixo ourensán-zamorano e reparade en que outro topónimo aparece ao oeste, imitando o que ocurre no oleirense, ría coruñesa mediante (tal vez algún dos sagaces lectores de Ubarroi xa caeu na conta). É ou non é abraiante?

Rebuscando na rede, atopei un terceiro Seixo Branco, neste caso na portuguesa Serra da Estrela. Coñecedes algún outro?

3 comentarios:

  1. Bueno Sergio, sobre isto eu non vexo máis misterio que a existencia dunha mesma lingua en todo este territorio. Quizá deberas aclarar aos lectores (que seguro que moitos nen o saben) que "seixo" é a palabra que temos en galego para denominar ese mineral que en español se denomina "cuarzo".
    Por iso a nosa terra está inzada deste topónimo: Seixido, Seixo, Seixil, Seixal,...e as áreas limítrofes de León ou Zamora supoño que tamén (aínda que moitos estarán convenientemente "desgalleguizados", non vaia ser o demo)
    Paréceme moi interesante esa coincidencia faunística entre áreas de montaña e de acantilados costeiros, que acada a súa máxima expresión na Capelada, como sabes. Aquilo xa non sabe ún qué carallo é, ja, ja..
    Unha aperta, rapaz

    ResponderEliminar
  2. Interesante entrada. Aporto outras localizacións onde se presenta o topónimo.

    Seixo Branco e Ladeiras do Seixo Blanco, zona situada entre os concellos do Valadouro, Alfoz e Muras, na Serra do Xistral, preto dos picos Xistral e Cadramón.

    Seixo Branco, preto da aldea de Folgueirúa, entre os concellos de Ribeira de Piquín e A Pontenova.

    Seixo Branco, no concello de Verín, preto dunha canteira de seixo e de outros topónimos como O Seixo e Pedras Blancas.

    Seixo Branco, preto da aldea de Espiñeiros, no extremo norte do concello de Forcarei.

    Seixo Branco, no concello de Vilariño de Conso, dentro do Parque Natural do Invernadeiro.

    Seixo Branco, elevación orográfica no concello de Vimianzo.

    Seixo Branco, elevación nunha península formada á beira do Encoro de Albarellos, no concello de Avión.

    Seixo Branco, zona situada no concello de Carballo entre a vila e a parroquia de Berdillo.

    Seixo Branco, no concello das Pontes, na beira norte do encoro do Eume, preto da aldea da Filgueira.

    Seixo Branco, na parroquia da Silvarredonda, concello de Cabana de Bergantiños.

    Seixo Branco, no concello de Cualedro, na ladeira sur do Alto de San Salvador, moi preto da vila de Verín.

    Seixo Branco, nas estribaccións septentronais do Pico da Meda, preto da parroquia de Carreira, en Zas.

    Seixo Branco, no concello de Vilardevós.

    Seixo Branco, na ladeira norte do Monte das Grandas, na parroquia de Cirio, concello de Pol.

    Seixo Branco, elevación no Monte do Alledo, no concello de San Cristovo de Cea.

    Seixo Branco, situado na prolongación cara o noreste do Monte Neme, en Razo, concello de Carballo.

    Seixo Branco, monte da parroquia de Riocereixa, no concello de Pedrafita do Cebreiro.

    O Seixo Branco, barrio á beira do Río Parga na parroquia de Bóveda, concello de Begonte.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Vaia Alejandro, abraiante aportación! Si que son abondosos. A min neste caso o que mais me chamou a atención foi a similitude da formación xeolóxica, con eses filóns tan alongados, e paréceme ademais moi poética a unión que suxire entre mar e montaña, esa diagonal entre extremos opostos de Galicia...

      Moitas grazas e un saúdo!

      Eliminar