viernes, 22 de agosto de 2014

9R

Hai uns días vin a un vello amigo.

Coñecín a 9R o 10 de xullo de 2010, hai xa mais de catro anos. Descansaba no seu repousadoiro favorito, a Pena dos Corvos en Santa Cruz. Entre os corvos mariños que adoitan pousarse nesta pedra, un portaba unha anela de PVC amarela con metálica no tarso esquerdo, e PVC vermello con inscrición 9R no dereito.
9R na colonia de Mera (Oleiros)
9R naceu lonxe, no illote de A Forcada, en Asturies. Pero tivo prisa por chegar ata aquí: tras nacer en abril, en agosto xa foi visto na colonia de corvos mariños cristados (Phalacrocrax aristotelis) de Mera, en Oleiros. Isto ocorría no ano 2001, polo que ten xa uns espectaculares 13 anos. Sabémolo gracias a que foi anelado no seu momento dentro do proxecto de anelamento coordinado en Asturies por David Álvarez (mais info aquí e un pequeno documental aquí). O propio David comentábame o ano pasado que era a segunda ave mais lonxeva das que tiñan controladas, o cal é realmente meritorio.
9R á noitiña en xuño de 2013, disposto á pasar a noite.
Meritorio en primeiro lugar pola audacia que supón para unha especie tan filopátrica o desplazarse a unha colonia situada a mais de 150 km do seu lugar de nacemento.

Leva sacando polos en Oleiros polo menos dende o ano 2006. Cando chegou, ao pouco de nacer, a de Mera era unha pequeniña colonia con apenas dez parellas. Doce anos despois son case sesenta, e 9R contemplou dende unha posición privilexiada como este tramo de costa convertíase no principal bastión da especie en toda a costa continental da Península, mentres o resto da poboación cántabro-atlántico se desploma (incluída a do seu territorio natal).

Durante todos estos anos contribuiu ao éxito da colonia sacando adiante un bo número de polos, e sobreviviu nin mais ni menos que á catástrofe do Prestige. Soubo esquivar tamén tamén as redes, trasmallos, anzois, temporais, vendavais e visóns que o ameazan cada día. Si, moi meritorio.

Sacando adiante unha nova xeración (fotografía recortada e obtida a longa distancia mediante digiscoping)
O paso dos anos fixo mais mella na súa anela de PVC que nel mesmo: parte dela perdeu a cor vermella, de maneira que segundo como a vexamos, amosarásenos vermella ou branca impoluta.




Dende aquel primeiro encontro de 2010 cruzámonos outras catorce veces, a penúltima delas o pasado decembro. Non telo visto durante toda a tempada de cría, e a lembranza dos terrible temporais deste inverno, fixeronme pensar que xa chegara o seu final. Por iso foi tan grande a alegría ao volver atopalo unha vez mais o pasado 6 de agosto.


O noso derradeiro encontro, o 6 de agosto.
Aquí queda pois a miña pequena homenaxe a este velliño. Comprenderedes o aprecio especial que sinto por el, despois de trece anos superando adversidades é de terse convertido para min nun símbolo da costa de Dexo e da espectacular historia dos seus corvos mariños. E de Santa Cruz tamén, coa súa xa clásica silueta na Pena dos Corvos. Non deixedes de buscalo cando vos acheguedes por alí!!


No hay comentarios:

Publicar un comentario