lunes, 10 de agosto de 2015

Outro asturiano viaxeiro

A filopatría é a fidelidade ao lugar de nacemento, manifestada mediante a tendencia dun individuo a permanecer no territorio de nacemento, ou a regresar a el para criar (tal e como fan os salmóns, regresando ao mesmo río no que naceron para desovar).

Os corvos mariños ibéricos son moi sedentarios e moi filopátricos, permanecendo a maior parte dos individuos no entorno da colonia na que naceron, e producíndose unha dispersión xuvenil de apenas unhas ducias de kilómetros en torno a ésta (aparentemente maior no caso dos corvos mariños cantábricos con respecto as galegos das Rías Baixas), para regresar posteriormente a criar no mesmo lugar. Podedes atopar información sobre a filopatría e movementos dispersivos dos nosos corvos mariños baseados nos proxectos de anelamento galego e asturiano, aquí e aquí.

Uns poucos individuos rompen esta tendencia, como é o caso do noso coñecido 9R, que abandonou a súa colonia asturiana para establecerse na Costa de Dexo. Pero aínda nestes casos maniféstase esa fidelidade ao lugar de nacemento ou reproducción, xa que unha vez establecidos no lugar de cría escollido o normal será que se establezan nel e non o abandonen (tal como fixo 9R).

Por iso é tan peculiar o caso dun corvo mariño que observei o pasado mes de novembro en Santa Cruz, sen poder chegar a ler correctamente a anela. Por sorte, volvín atopalo este 5 de agosto no mesmo lugar, puidendo por fin confirmar a súa identidade: NK.

Primeira observación de NK (no centro da imaxe, picade para ampliar) en novembro de 2014
NK é un macho anelado como adulto reprodutor na colonia asturiana de Pantorgas o ano 2006. Durante estes anos seguiu reproducíndose na mesma colonia, ata esta aparición repentina a 150 km de distancia. Non o observei nas colonias polo que non podo confirmar a súa cría, aínda que probablemente teña permanecido na zona entre as miñas dúas observacións. Tratárase do individuo anelado observado na colonia descuberta en Sada, que non puidemos identificar?. Polo estado da anela non o parece, pero tampouco se pode descartar.

NK en Santa Cruz o 05/08/2015
 É moi pouco frecuente este desprazamento tan longo nun adulto xa establecido como reprodutor. A ver se conseguimos seguirlle a pista entre todos. Botade un ollo á Pena dos Corvos de Santa Cruz cando vaiades por alí, a ver se o vedes!



Curiosamente, é o segundo caso similar nos últimos tempos en Oleiros, xa que tamén temos entre nós a I/B, femia anelada en Cíes no 2012 tamén como adulto reprodutor, e que xa leva dous anos presente na colonia da Costa de Dexo (aínda sen poder confirmar ata agora a súa cría).

IB en Santa Cruz, hai un ano