martes, 5 de agosto de 2014

Parques naturais e "promoción do desenvolvemento sustentable"

Hai unhas semanas publicábase no DOG a Resolución pola que se publicitaban as axudas "en materia de conservación dos recursos naturais e o fomento de accións para a poboación local para o desenvolvemento sustentable dos espazos declarados como parques naturais". A conservación dos recursos naturais e o desenvolvemento sustentable no ámbito destes ENP semellan a priori os obxectivos globais destas subvencións, que se desenvolven a través desta Orde do ano 2013.

Afondando un pouco no Preámbulo desta Orde poderemos coñecer con maior detalle as xustificacións, motivacións e obxectivos que levan a implementar estas axudas.

Así, lémbrase nese preámbulo que a Lei de Patrimonio Natural e da Biodiversidade define como "deber dos poderes públicos a promoción da participación e das actividades que contribúan a acadar os obxectivos citados neste texto legal (referido aos obxectivos de conservación dos valores ambientais en base aos cales se declararon os distintos parques naturais galegos), así como a promoción das medidas fiscais de incentivación das iniciativas privadas de conservación da natureza", aludindo tamén ao fomento das actividades tradicionais nos parques naturais e nas súas áreas de influencia (aspecto este recollido na Lei de Conservación da Natureza de Galicia).

Estas axudas fináncianse con cargo ao Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013 (PDR), cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Semella obvio, polo tanto, que as institucións europeas xogan aquí un papel importante.

Sobre o PDR, o propio preámbulo indica que "un dos seus obxectivos prioritarios é a promoción dun desenvolvemento rural sustentable en toda a Comunidade a través de actuacións orientadas cara ao crecemento, á creación de emprego e ao desenvolvemento sustentable". A consecución destes obxectivos artículase mediante catro eixos fundamentais de actuación, coincidentes cos enunciados no Regulamento Europeo que desenvolve os fondos FEADER. As actuacións das que hoxe estamos a falar formarían parte do "Eixo 2 - Mellora do ambiente e do contorno natural". Quero resaltar por último o seguinte parágrafo da Orde, no que se di o seguinte sobre estas subvencións, entendidas como axudas a investimentos non produtivos derivadas deste eixo 2: "Estas actuacións están dirixidas a contribuír á biodiversidade e á preservación dos ecosistemas de alto valor natural, garantíndose a compatibilidade cos valores naturais para protexer en cada zona e o mantemento dun estado de conservación favorable para os hábitats e as especies de interese de cada espazo dentro dos parques naturais galegos"

Calquera que fora capaz de ler ata aquí poderá chegar sen maior dificultade a unha conclusión similar a esta: o obxectivo da subvención é a conservación da biodiversidade e os valores ambientais dos parques naturais, mediante a promoción da participación da sociedade nesta labor, e o desenvolvemento socioeconómico sustentable, armónico e compatible coa conservación. Todo mediante a promoción de actividades que aproveiten a presenza dos parques como motores dese desenvolvemento. Algo así, non? De libro.

Ben, repasemos pois as actividades finalmente subvencionadas. Podedes consultar a relación completa na Resolución. Trátase dun total de 63 proxectos cun investimento total superior aos 650.000 euros.

Para facilitar a laboura, agrupeinos por tipoloxías, calculando a porcentaxe do total investido en cada unha delas.



Pois si. O 40% do investimento, directamente destinado ao asfaltado de camiños. Atopamos de todo: dende a colocación de mesas nunha área recreativa ata a recuperación da cuberta dunha ermita, pasando por meras conduccións de abastecemento de agua -infraestruturas básicas con outras múltiples vías de financiamento e que deberían ser exectuadas independentemente de atoparse nun parque natural, a non ser que pensemos que os seus habitantes teñen mais dereito a ter auga potable que o resto dos galegos-.

Sendo xenerosos, na miña opinión non mais do 20% do investido destínase a algo que teña que ver minimamente cos obxectivos teóricos: os relativos a "mellora de hábitats forestais", basicamente soutos (e repito, sendo xenerosos: aquí entran actuacións como "limpeza de mato e plantación de castiñeiro híbrido"), e "melloras de levadas e regadíos tradicionais", que poderían ser actuacións interesantes si realmente van encamiñadas a recuperación de usos tradicionais e mellora sostible das explotacións, e incorporasen criterios que permitisen o seu aproveitamento como restauración de flora, anfibios ou invertebrados asociados, por exemplo (pouco probable, lamentablemente).

Cómpre salientar que neste caso estamos a falar de parques naturais, pero é unha situación que se repite na totalidade de convocatorias de axudas vinculadas á conservación de espazos protexidos, como nas referidas á Rede Natura. A min persoalmente xúrdenme as seguintes preguntas:

¿Contribúen o asfaltado dun camiño, a instalación dunhas mesas ou uns tubos, ou a reparación dunha ermida, á conservación da biodiversidade e á preservación de ecosistemas de alto valor natural?

¿Contribúen á compatilización da conservación deses recursos cun desenvolvemento socioeconómico sostible?

¿Contribúen á promoción socioeconómica armónica das áreas de influencia dos parques naturais, aproveitando estes como motores de crecemento sostible que permitan fixar poboación e mellorar a vida dos seus habitantes?

¿Contribúen a implicar á poboación na conservación da natureza ou na promoción de novas experiencias, proxectos de desenvolvemento, etc?

¿Contribúen a que a poboación vexa os espazos naturais protexidos cos que conviven como unha oportunidade e non como un problema, e que deixen de vivir de espaldas a eles, con todo o que isto implica?

¿Constitúen todas estas actuacións, nomeadamente a restauración de elementos arquitectónicos ou patrimoniais, medidas de desenvolvemento rural asimilables aos obxectivos e filosofía dos fondos Feader?

A miña resposta a todas estas preguntas é NON. Persoalmente penso que contribúen a todo o contrario. É obvio que moitas destas actuacións son probablemente necesarias, e que pode ser boa idea financialas a través de mecanismos vinculados aos parques naturais. Pero paréceme igualmente obvio que non son o que pretenden ser, e que non é admisible que colocar unhas mesas ou restaurar unha fonte sexan practicamente as únicas inversións en "conservación dos recursos naturais e o fomento de accións para a poboación local para o desenvolvemento sustentable dos espazos declarados como parques naturais" que se desenvolven en Galicia.

Pero así son as cousas, e este parece ser lamentablente o concepto de promoción dos espazos naturais protexidos que teñen os nosos xestores na actualidade.

Só nos queda agardar que a resposta das administracións europeas ás miñas preguntas, especialmente á última, sexan distintas ás miñas cando chegue a hora de pagar.

1 comentario:

  1. Totalmente de acordo contigo Sergio. Supoño que moiats entidades ven a oportunidade de "colar" aí ese tipo de actuacións. Estarán estupendamente a maioría delas, pero non vexo como se meten aí con calzador. Parece que tamén hai bastante "flexibilidade" na concesión das mesmas, que resulta obvio porque a proba está en que se conceden para esas cousas. Ptrecisamente hoxe 7 de agosto sae no DOGA as bases reguladoras para axudas en actuacións en Rede Natura en Galicia (tamén financiado en parte por Leader), e no listado das "cosas" que poden ser obxecto das axudas teñen moito peso esas que comentabamos. De feito, no curro a min ocorreuseme unha cousa que si que é unha acción directa de cara a conservacion e ao empezar a darlle voltas cun compañeiro a preocupación que nos xurdiu foi "a ver como a plantexamos para que poda encaixar". Unha pena...Apertas tioooo

    ResponderEliminar