miércoles, 29 de agosto de 2007

Paseo por Dexo

Onte pola tarde achegueime un rato ata Mera e Dexo, a ver como estaban as cousas. En xeral víase bastante pouco movemento, non sei se pola hora, polo tempo inestable ou por que, pero por exemplo, os únicos paxaros que vin en toda a zona de matogueira foron dúas Saxicola torquata e unha Sylvia undata.

Non había ningunha rapaz, pouco movemento de corvos mariños, tanto grandes como cristados e as gaivotas estaban bastante tranquilas, repousando apaciblemente en grandes grupos repartidos polos cantís. Na zona de Dexo había varios cristados xuvenís repousando nas rochas ou pescando tranquilamente en augas protexidas próximas a costa. Sempre é unha alegría ver como prosperan os novos inquilinos da "comunidade". Parece que un ano mais as cousas para os corvos mariños foron relativamente ben.
Non é habitual que visite a zonas por estas datas, o que me permitiu fixarme nun par de detalles. Estamos en plena época de floración de Erica ciliaris, polo que puiden comprobar facilmente que esta especie e, en consecuencia, o hábitat prioritario que define, está máis estendida do que pensaba, conformando a maior parte da zona de matogueira, o que lle da a esta unha maior importancia. Por outra banda, tamén confirmei que a invasora Helychrisum está a estenderse a unha enorme velocidade, aparecendo moitas manchas especialmente na zona dos faros de Mera, o que na miña opinión a converte na principal ameaza neste senso da zona, por enriba do Carpobrotus.

Cando xa estaba a piques de marchar da zona do cabo, de repente escoitei uns potentes "criiiiiiii criiiiiiii", sinal inequívoca de que acababan de chegar os andoriñóns (Apus melba). Primeiro chegou un grupo de 12, engadíndose logo varios mais ata contar un total de 19, voando sobre a miña cabeza de xeito espectacular. A verdade é que da gusto velos.
Supoño que estarán a piques de marchar, así que aí van as que posiblemente sexan as últimas fotos coas que me obsequiaron este ano:

No hay comentarios:

Publicar un comentario